Neste ciberfaladoiro, que fixemos a pasada semana, quixemos compartir as pequenas ou grandes cousas que podemos facer dende a nosa vida diaria para impulsar esa necesaria transición enerxética. Non faltaron as reflexións sobre o contexto no que estamos inmersas, que dificultan en moitos casos as apostas persoais por boas prácticas e eleccións tecnolóxicas ao servizo dunha transición realmente sustentable. O mundo non aposta de momento de xeito masivo polo modelo de recuperación, reciclaxe e redución, pero esperamos que iso estea cambiando. Non queda moito tempo…

No entanto, dentro das nosas posibilidades, fomos partillando algunhas solucións que algunhas de nós estamos a implementar, e outras que as vemos viables e desexables, a pesar de que non esteamos a implementalas aínda. Empezando dende o máis sinxelo ao máis complexo ou custoso:

  • Redución doméstica de gasto, para evitar despilfarro de enerxía en luz e outras fugas de electricidade. Tamén xurdiu o tema de electrodomésticos eficientes e o sempre recorrente aforro en auga (que de facto tamén o é en enerxía). Aproveitar mellor a auga ao fregar cacharros, uso da auga da ducha mentres non quence para encher caldeiros que permitan fregar a casa/usala na cisterna/regar as plantas (tamén a do deshumidificador), reducir o caudal da cisterna (por exemplo metendo unha botella).
  • Non quedou sen mencionar, aínda que brevemente (tamén é un bo melón), o tema da compra de cercanía e tempada, apostando por alimentos Km0 ou o máis achegados posibles. Tamén a parte de greenwashing de empresas como Amazon que, sen embargo, teñen gran impacto nas emisións polo reparto.
  • O feito de vivir nunha casa igual da pé a maior posibilidade de implementar prácticas a maior nivel, como pequenas obras que permitan un mellor reaproveitamento de auga (de augas grises, por exemplo)
  • Á hora de contratar o servizo de abastecemento eléctrico, facer unha aposta por pequenas comercializadoras que ofrezan electricidade 100% renovable, e mellor se son cooperativas (onde as persoas socias son tamén clientas, e se involucran máis nas decisións e gobernanza sobre a electricidade que consumen). Algunhas destas cooperativas chegan ao nivel de xerar, por ser donas de parques solares. Falamos do caso de Nosa Enerxía, dado que dúas das persoas que estaban no ciberfaladoiro eran socias desta cooperativa.
  • Xa se nos queremos meter a rehabilitar ou facer unha vivenda, aquí hai moitas posibilidades, pero a selección de bos illantes axuda moito á redución do gasto enerxético (os estándares de casa pasiva están crecendo na súa implementación, ou polo menos se non é co sello de Pasive House, si cos materiais e técnicas equivalentes). E xa, a outro nivel, o emprego de materias de bioconstrución, moi interesantes para esas solucións de illamento, pero que tamén pretenden acadar a sustentabilidade no resto do seu ciclo de produción (incluíndo a proximidade de materiais), aínda que aquí hai que buscarse máis a vida, cada vez vai sendo máis habitual atopar profesionais (máis no deseño que na construción en si). ESPIGA é unha boa porta de entrada. Neste eido da construción tamén deu tempo a falar de diversas tecnoloxías de xeración descentralizada para instalacións domésticas como a de paneis solares (con ou sen baterías, que baixaron moito de prezo no último ano, pero seguen a ter os seus problemas), ou xeotermia vs aerotermia (máis cara e eficiente a primeira), e outras que poderían ser interesantes pero non hai apoio da lexislación (como o gas natural renovable a partir do lixo ou excrementos, complicadísimo de implementar a nivel doméstico polas trabas lexislativas, ou a mini-hidráulica). O abastecemento descentralizado e non conectado a rede tamén deu para falar. Dependendo do consumo, pode ser complicado, pero si hai exemplos que o poden facer viable. A cuestión é que quizais non é tan eficiente no seu balance final enerxético con respecto a conectarse á rede (sobre todo cando á rede aumente no mix enerxético as fontes renovables con respecto a fósiles, ou á nuclear, que ten outro tipo de problemas). Que ten menos pegada, estar todas conectadas a unha rede que saca a enerxía de plantas fotovoltaicas, eólicas ou hidráulicas, ou ter cada unha na casa os medios para obter a enerxía de uso doméstico? Porque hai que contar que hai industrias que precisan de potencias moi grandes, por non falar do tema de que pasa co transporte.
  • O melón do transporte. Aquí metémonos algo no eido do coche eléctrico, ao que é posible que lle adiquemos un ciberfaladoiro só para el… A potencia que precisa é moi grande, e complica bastante a xeración doméstica, polo menos tal e como está a cousa montada actualmente. Certo que a I+D+I é como se acabara de empezar neste eido. En calquera caso, non parece máis que un patadón cara adiante da industria do automóbil, que en realidade ten pouco que aportar á transición realmente sustentable.
  • Tamén xurdiu o tema do activismo persoal, participando en iniciativas de presión política (que parece que nos quedan moi lonxe, pero son realmente importantes) e de aprender máis desta realidade enerxética posta ao servizo dun sistema insustentable (como participando en ciberfaladoiros!!! :D), ou tratando de que outra xente coñeza unha realidade da transición enerxética da que non se fala tanto, máis aló do “crecemento verde” e outras solucións incompletas e enganosas (aquí hai unha publicación da que falamos, que é o máis parecido ao apocalipse zombie, pero en versión transición enerxética, e da moito que pensar). Unha iniciativa actualmente en marcha é a de tratar de que España saia da Carta da Enerxía (na que se entrou nos 90, e que impón moitas restricións ás capacidades de cada país asinante da carta á hora de ir movéndose cara maior soberanía enerxética, clave na nosa opinión para unha transición enerxética xusta e verdadeiramente sustentable). Neste senso da sensibilización, tamén houbo certo laio con respecto ás boas ideas sobre tecnoloxías ao servizo deste modelo máis “decrecentista” que se desenvolven en traballos fin de grao o máster nas universidades, e quedan sen difundir nin desenvolver, metidos nun caixón. Dende ESF pretendemos levar á universidade esta realidade escondida da transición enerxética (e doutros temas como auga, soberanía alimentaria ou soberanía dixital), desmontando o super-optimismo tecnolóxico, e animando a desenvolver unha tecnoloxía ao servizo doutro modelo distinto de desenvolvemento que non deixen a ninguén atrás.Houbo moitas cousas que quedaron no tinteiro, que tampouco queriamos que nos deran as uvas. Unha delas pode ser o gasto en tecnoloxías dixitais (tamén na casa, e no noso día a día coa cantidade de información que enviamos e recibimos por traballo, ocio, relacións sociais…, que ten un impacto cada vez maior). Que se vos ocorre a maiores? Deixádenolo nos comentarios ou dicídenolo en info[arroba]galicia.isf.es para tocar en vindeiros ciberfaladoiros

La entrada Ciberfaladoiro. Alternativas para a transición enerxética: que podo facer eu? aparece primero en ESF Galicia.