Crónica da visita de Doris e Lucía, defensoras da terra en Honduras

por Enxeñeria Sen Fronteiras

domingo 1 de diciembre de 2019

por Enxeñeria Sen Fronteiras

domingo 1 de diciembre de 2019

Entre os pasados 11 e 17 de novembro tivemos connosco en Galicia a Doris e Lucía, dúas mulleres hondureñas que, nas aldeas de San Bernardo (municipio de Namasigüe) e Aguas Calientes (municipio de El Triunfo) respectivamente, fan fronte a amenazas de depredación dos recursos naturais da comunidade. Esas loitas están apoiadas por unha das organizacións socias de ESF en Honduras, o Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca-CODDEFFAGOLF, que lles está fortalecendo con asesoramento legal, protección das persoas, escola de activismo e mobilización sociocomunitaria. Aquí anunciabamos a súa visita, dentro do proxecto Defensoras da Terra, financiado por Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Foi unha semana moi densa, con algúns problemas na viaxe que reduciron a súa estancia, pero con tempo para pasear e relaxarse. O primeiro día, o 11 de novembro, tivemos a última hora un encontro relaxado na libraría Os Mundos de Carlota, en Santiago de Compostela, onde nos trataron super-ben.

O martes 12 a primeira hora da tarde voltamos, tras varios anos, á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, onde ESF naceu hai xa máis de 26 anos. Alí compartimos con profesorado e alunado das Escolas de Telecomunicación e de Minas-Enerxía un encontro onde se tratou de chamar a atención sobre os impactos da extracción deses minerais tan prezados para a fabricación de dispositivos electrónicos, e que as futuras profesionais sexan conscientes das implicacións sociais e ambientais que pode xenerar un hiperconsumo.

O mércores 13 pola mañá foi momento de
pasear por Santiago. O clima acompañou e, trala comida, puideron
coñecer a unha activista en temas de defensa da terra de gran
traxectoria en Galicia, Macamen, da Compañia de María.

As 18:30 tivo lugar a palestra sobre as ameazas da minaría depredadora en Galicia e Honduras, na Escola Técnica Superior de Enxeñería en Santiago, onde Doris e Lucía compartiron conversa con Nela e Lupe, da rede Contraminacción. Tiveron tempo aínda de viaxar a última hora a Coruña, onde ao día seguinte terían unha densa axenda.

O xoves 14 a media mañá o Centro de FP Tomás Barros recebeunos para que alunado do centro coñecera de primeira man as experiencias de Lucía e Doris, ademais de presentar o documental “Las Semillas de Berta”, das compas de Entrepueblos. Despois aínda tiveron tempo de facer unha visita en Coruña, a pesares do mal tempo.

Pola tarde, ás 19, produciuse o encontro público no Centro Cívico Cidade Vella en A Coruña organizado por Entrepueblos, Ecoloxistas en Acción, Asociación M e Enxeñería Sen Fronteiras, onde tamén se presentou o documental mencionado e houbo un interesante coloquio con Doris e Lucía.

No venres 15 antes da comida Doris e Lucía foron entrevistadas por Irene e Patricia (voluntarias de Enxeñería Sen Fronteiras), para o primeiro episodio de ESFRadio, o podcast de ESFGAlicia, que produce Jorge, tamén voluntario de ESF.

Despois de comer, achegámonos ao Monte Neme, onde Adrián, da Plataforma Monte Neme, amosounos o lugar e contounos algo da historia da paraxe e as problemáticas que a rodearon dende a súa época como mina de wolfram até as máis recentes como canteira (e moitas delas seguen aí pola deixadez das distintas administracións). Xa anoitecido, achegámonos á sede da Asociación Senda Nova, onde dentro do seu programa de Encontros con Activistas, puideron falar con Doris e Lucía sobre a defensa da terra contra as diversas ameazas relacionadas con actividades depredadoras cos recursos (piscinas de cría de langostinos, plantas de enerxía fotovoltaica e minaría metálica).

O sábado 16, último día de estancia, foi día de visita á Mina Touro, onde Isabel, do Movemento Mina Touro-O Pino NON, amosounos distintas zonas da mina e a súa problemática socio-ambiental de contaminación da auga ou cheiros polo emprego de lodos de depuradoras para a restauración dalgunhas zonas da mina, para logo rematar do mellor xeito posible, no Magosto Anual contra a Mina, que xa vai pola terceira edición. Esperamos que a do ano que vén sexa o Magosto do Fin da Mina!!

La entrada Crónica da visita de Doris e Lucía, defensoras da terra en Honduras aparece primero en ESF Galicia.

0 Comments

Submit a Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.