O Tetris dos Dereitos Humanos (Human Rights Tetris) é unha iniciativa de persoas de Enxeñería Sen Fronteiras e profesorado da Facultade de Informática da Universidade de Coruña que, coa cofinanciación de Cooperación Galega da Xunta de Galicia e a Agencia Española de Cooperación, apoiaron a realización dun proxecto fin de grao de enxeñería informática titulado “Deseño e implementación dun videoxogo no ámbito dos dereitos humanos baseado en ferramentas libres” co que se desenvolveu o xogo.

É importante destacar o seguimento da filosofía e pautas de software libre en todo o proxecto. O código e a documentación foron publicados cunha licenza libre e optouse en todo momento pola utilización de estándares e ferramentas/tecnoloxías que cumpriran con esta condición. Pódese acceder ao repositorio aquí.

Apoiándose nun proxecto xa existente de Tetris de software libre, deseñouse a narrativa e mecánicas do xogo, a medio camiño entre “xogo serio” e experiencia de ludificación, que consiste no uso de técnicas e mecánicas de xogos en contornos non lúdicos coa finalidade de potenciar a motivación e estimular a aprendizaxe. En concreto, neste videoxogo preténdese impulsar a aprendizaxe de novos conceptos e valores na educación no ámbito dos dereitos humanos engadindo contido sensibilizador.

O videoxogo pretendeuse que tivera unha apariencia sinxela utilizando as cores para diferencias os distintos servizos básicos relacionados cun dereito humano. En canto ás pezas, empregouse o conxunto de pezas clásico do tetris xunto con pezas personalizadas, que poden ser de maior ou menor complexidade segundo o aspecto da xestión ou acceso ao dereito humano pertinente que represente (e que aparece indicado na pantalla en pequenas informacións en texto relacionadas con cada tipo de peza). Hai ademais distintos niveis de dificultade. Cada nivel correspóndese cun país (de momento España e Honduras) e a dificultade establécese en función do estado dos dereitos humanos en dito país. Cada dereito humano tratado conforma un subnivel distinto dentro do nivel do país, e cando se remata o nivel 1 (España) desbloquéase o nivel 2 (Honduras), que aparece en vermello até que non se remate o nivel 1.

Unha vez se pulsa sobre o país, ábrese unha pantalla cun breve texto informativo sobre o mesmo, que se mantén uns segundos antes de permitir iniciar o xogo, que comezará no subnivel 1.1., onde quen xoga deberá ir facendo encaixar as pezas do Dereito Humano á Auga en España (pezas que serán azuis). Antes de poder comezar, un cadriño de texto informa sobre o estado deste dereito no país. Despois, cada peza representará un aspecto (máis ou menos positivo segundo a complexidade da peza) do dereito humano á auga en España.

O mesmo ocorre nos subniveis 1.2. (dereito á alimentación, con pezas verdes), 1.3 (dereito á enerxía, con pezas amarelas) e 1.4 (dereito á comunicación e as tecnoloxías que a fan posible, con pezas laranxas). De cando en vez en calquera subnivel aparecerán pezas violetas que fan referencia ao enfoque de xénero.

No subnivel 1.5 se xogará simultáneamente con pezas do resto do subniveis mesturadas. Rematado este subnivel, supérase o nivel 1 (España) e no mapa aparece desbloqueado (en verde) o nivel 2 (Honduras). Xa se pode pulsar sobre o país para xogar os 5 subniveis de Honduras, que será máis complexo porque as pezas serán máis a miúdo de formas complicadas, e pode ter elementos que obstaculicen a caída das pezas.

Deste xeito, ademais de coñecer os distintos aspectos dos dereitos humanos propostos (que son os que máis traballamos en Enxeñería Sen Fronteiras, e son todos eles intensivos no uso de tecnoloxía, que é importante poñer ao servizo precisamente do acceso aos dereitos humanos de todas as persoas en todo o mundo), pretendemos poñer de manifesto como en todos os países existen problemas, pero ser conscientes tamén das diferencias entre países (isto quixemos reflexalo incrementando a dificultade no nivel 2).

Xa non fai falta saber máis. Como desafío, propoñémosche que comprobes se es capaz de encaixar as pezas ao tempo que ves a súa descripción!!

AQUÍ está o enlace para xogar (ignora advertencias de seguridade se houbera). Serve tanto para móbil como ordenador!!! Trátase dun proxecto en construción, así que se atopas erros ou se che ocorren ideas, cóntanolas en info[arroba]galicia.isf.es

La entrada Tetris dos Dereitos Humanos (tet-HR-is) aparece primero en ESF Galicia.